O ICEBERG

O

Na tradición están os fíos do coñecemento presente, así que teño que viaxar ate Zeami e a súa regra das tres décimas partes da acción do actor deben desenvolverse no espazo e sete décimas partes no tempo. Pero esta regra da acción é moito máis profunda do que pode semellar a primeira vista. Imaxinemos de repente que un actor colle unha copa na escena. Segundo a idea de Zeami, e por extensión de todo o teatro Nôh, a enerxía inversa que ten que facer o actor para coller a copa e sete veces maior que a que ten que facer para collela, mais o importante radica na idea da loita entre a acción e a acción contraria, é dicir, entre o desexo e a oposición do desexo. Nesa espazo invisible, tanto en termos de acción coma de tempo, radica a invisibilidade do espectáculo. Como dramaturgo da acción que é o director, non necesariamente ten que definir a acción senón a acción contraria a vencer para que a enerxía teña sempre un fío invisible que vai tecendo as vestiduras que é a posta en escena. Resulta máis proveitoso facerlle ver ao actor non o que quere facer senón o que realmente evita, e nesa oposición traballar co concepto de acción.

 

Sobre o autor

Xavier Castiñeira

Falar dun mesmo é algo así como pedirlle a un espello que te explique quen es. Mais se tivese que dicir quen son imaxino que son un punto fixo en constante movemento. Mais seguramente non sexa tan importante falar de min como destas INTERFERENCIAS destes pequenos pensamentos que non teñen por finalidade converterse en dogma ou teoría. Son tan só iso, pequenas interferencias que están escritas dende a miña experiencia, persoal e intransferible e que en ningún caso poden converterse en punto de chegada senón de reflexión no intre en que foron escritas.
Esperemos que estas Interferencias sexan simplemente unha convicción que non dure máis que o necesario para impulsar outras novas.

Deixa a túa interferencia

Send this to a friend