A BELEZA E O CONFRONTADO

A

Falar da beleza actualmente é como entrar nun dique seco. Existe mais non é plenamente. A beleza non é a fermosura, nin sequera as partes simétricas e acordes. A beleza é unha sorte de provocación dos sentidos adormecidos. A beleza do sentir e do pracer de ver. A beleza por riba das ideas. A beleza como condutora das metáforas. O belo non é útil posiblemente máis de certo é necesaria. A escena é un lugar de beleza, un espectáculo feo non é máis que unha sorte de desconexións arbitrarias que réxense pola fácil asociación de ideas, xustificacións ou de personalidades. A beleza é a harmonía do sublime, o tempo do exacto mais non necesariamente belo. Tan só beleza. Iso que clava ao espectador no seu interior que o fai tremer, sentir, expandirse máis aló do que agocha. A beleza é reveladora en canto que é unha bomba que actúa sobre os centros durmidos. Buscar o xesto pleno, o silencio exacto, o desorde caótico revelador, unha mirada sublime, o silencio sonoro do espectador. Atreverse a atravesar o tecido do construído e revelar o que oculta o espello do drama. Tan só o silencio.

Somos a sorte do instante que sucede, un instante que separa o que agochamos, o que revelamos e o que vemos. No medio a beleza como catalizadora do encontro. A beleza do bufo, a beleza do transgresor… a mirada que actúa sobre o obxecto observado e o anima máis aló. A mirada que axuda a saltar, a atravesar a senda do invisible para revelar o agochado, o que sempre estivo alí. Non as ideas, non o fermoso, non o coñecido. A beleza de ser, de atoparse conxuntamente. A beleza da viaxe compartida. A beleza responsable do que observa e axuda a atravesar o imaxinario, que inspira aos executantes a ir máis aló do que vexo eu normalmente para que me traian o doce froito da beleza, aquilo que é revelado.

Sobre o autor

Xavier Castiñeira

Falar dun mesmo é algo así como pedirlle a un espello que te explique quen es. Mais se tivese que dicir quen son imaxino que son un punto fixo en constante movemento. Mais seguramente non sexa tan importante falar de min como destas INTERFERENCIAS destes pequenos pensamentos que non teñen por finalidade converterse en dogma ou teoría. Son tan só iso, pequenas interferencias que están escritas dende a miña experiencia, persoal e intransferible e que en ningún caso poden converterse en punto de chegada senón de reflexión no intre en que foron escritas.
Esperemos que estas Interferencias sexan simplemente unha convicción que non dure máis que o necesario para impulsar outras novas.

Deixa a túa interferencia

Send this to a friend