O PUNTO DE VISTA: a presenza do outro

O

Que é un punto de vista? É realmente aquela visión única e irrepetible que ten cada un de nós sobre algo, sexa situación, pensamento ou suceso. Pero existe o punto de vista na comunicación en vivo, ante outro que observa e tamén ten opinión? Si, pero é un punto de vista cara ao que observa, que o fai participar, que lle da un instante de pensamento e comprensión máis aló da comunicación realista. Un personaxe ou unha persoa que  está ante outro que observa ten que incluílo na comunicación, e dependendo do código que emprega o seu punto de vista é máis ou menos mantido no tempo e no espazo. É o triángulo da comunicación do que falaba Meyerhold. Se queres que o espectador viaxe, tes que introducilo na viaxe, telo presente e deixarlle xogar no momento preciso. O público presencial ten que sentirse presente no propio instante do acontecer escénico. Non entender isto supón que todo o que fagamos sexa un acto onanista no noso traballo. O punto de vista non é a tradución de tan só mirar ao público cando desexamos facelo, é a mirada con sentido dramatúrxico, reveladora, construtora da mirada do outro, espazo de tempo/espazo que lle permite ao que observa ter un instante de comprensión e pracer. Esa suspensión do ritmo natural da escena supón poñer unha puntuación moito máis concreta, pertencente a esa palabra que tanto odian os modernos: as convencións.

Non hai moitas regras. Mais esta é unha delas. O actor non está só. O actor sen o que o mira non existe. Curiosa profesión esta na que existimos cando nos miran.

Outra regra que poderíamos entresacar da presenza do outro é a regra do esencial. Que é o que sobre na comunicación do que queremos contar? Que é o que necesitamos para que se entenda? Qué é o que ilustra e qué o que comunica? Nesta regra básico temos novamente como factor común ao outro, ao que observa, ao pegamento que lle da sentido para a existencia no palco. Facer moito é non facer nada, xa que moito abruma ao que observa.

Mais que outra regra poderíamos falar doutro elemento: o tempo xusto da acción. Isto non se pode ensinar, non é teórico. Ë ritmo, é o tempo preciso,  non é mensurable en termos de tempo concreto (un segundo, dous segundos, cinco, sete…) é un tempo que nace do propio instante, desenvólvese no tempo que necesite e morre transformándose no seguinte instante. O teatro, a diferenza da música, non é medida, é tempo. Como axustar, polo tanto, ese tempo? Como podemos asilo, facelo presente. O primeiro que temos que ter en conta é estiralo ao máximo. Debemos saber o tempo exacto que permite manter unha acción no tempo. Pasala de rosca é necesario para saber como axustala posteriormente. Cando vas ao límite do tempo coa acción, comezaremos a ser conscientes do que podemos aguantar, loitando co pensamento paralizador: o medo a aburrir.

Sobre o autor

Xavier Castiñeira

Falar dun mesmo é algo así como pedirlle a un espello que te explique quen es. Mais se tivese que dicir quen son imaxino que son un punto fixo en constante movemento. Mais seguramente non sexa tan importante falar de min como destas INTERFERENCIAS destes pequenos pensamentos que non teñen por finalidade converterse en dogma ou teoría. Son tan só iso, pequenas interferencias que están escritas dende a miña experiencia, persoal e intransferible e que en ningún caso poden converterse en punto de chegada senón de reflexión no intre en que foron escritas.
Esperemos que estas Interferencias sexan simplemente unha convicción que non dure máis que o necesario para impulsar outras novas.

Deixa a túa interferencia

Send this to a friend