É POSIBLE ENSINAR A DIRIXIR?

É

Rotundamente non, do mesmo xeito que non é posible ensinar nada, tan só o aprendizaxe é individual. O feito mesmo de tentar ser mestre xa non é indicio desto. Isto é intrínseco á mesma natureza do aprendizaxe. O único mestre posible é a apertura ao exterior e a aprehensión do externo. Sen experiencia persoal non pode existir ensinanza externa. Eu poderíache ensinar o que sei da dirección nunhas poucas horas, non moitas máis, e ao mesmo tempo, aínda que pensases que o entendías todo, non serías capaz de facelo do mesmo xeito senón nunha sorte de alteración desa experiencia miña. É imposible copiar estilos, é imposible ensinar nada. Tan só é posible pensar que o que ensinamos será recibido dun xeito e transformado novamente. O cambio é o eterno no devir da natureza humana. Un exemplo: pódennos ensinar a escribir segundo unha cuadrícula básica e igual para todos, copiando ata a extenuación a mesma forma de trazo, posición do bolígrafo nas mans, mais ao final cada un de nos desenvolverá a súa forma específica de escritura, única e intransferible.

Mais entón isto pódenos levar a outra cuestión máis clara. Existe algo que permaneza dentro das ensinanzas, algo inalterable pese a todas estas modificacións? Existe un inicio inalterable?

Hai regras básicas e inalterables dentro da natureza, regras de movemento de todo a nosa existencia que están sempre por debaixo. Hai unha sorte de trazos básicos que permanecen inalterables como eixo da creación. O dominio destes trazos, apoderarse destes “secretos a voces” que hai na natureza é o verdadeiro obxectivo dos creadores. Non falamos de regras estéticas que ao final determinan os tipos de movementos artísticos que existen, non defendemos a idea da harmonía ou da non harmonía, das correspondencias cromáticas, das regras de composición… variables en calquera época e estilo. Hai algo máis que está por debaixo e que é o noso obxectivo desentrañar.

O obxectivo destes escritos é desentrañar os elementos que poidamos ir atopando para o noso traballo, máis non dende a exposición dos mesmos, senón dende o impulsor dos mesmos, dos motores de procura deses elementos que mobilizan a creación. Cada un de nós terá que atopar de poñer en xogo constantemente estes elementos, relacionalos, rompelos, estiralos ao máximo, fundilos ou calquera sorte de uso dos mesmos para poder desenvolver as súas formas de traballo. Non hai segredos. Tan só a mesma procura de novas formas a partir dos diferentes elementos en xogo.

Sobre o autor

Xavier Castiñeira

Falar dun mesmo é algo así como pedirlle a un espello que te explique quen es. Mais se tivese que dicir quen son imaxino que son un punto fixo en constante movemento. Mais seguramente non sexa tan importante falar de min como destas INTERFERENCIAS destes pequenos pensamentos que non teñen por finalidade converterse en dogma ou teoría. Son tan só iso, pequenas interferencias que están escritas dende a miña experiencia, persoal e intransferible e que en ningún caso poden converterse en punto de chegada senón de reflexión no intre en que foron escritas.
Esperemos que estas Interferencias sexan simplemente unha convicción que non dure máis que o necesario para impulsar outras novas.

Deixa a túa interferencia

Send this to a friend