Só podes estar preparado. Nunca podes saber nada antes de que suceda. Intentar saber cal é o territorio antes de exploralo é falar dende a palabra non dende o sentido mesmo que ela transporta. Unha mesma palabra é un esqueleto no que se conforma a nova pel unha e outra vez. Só podes estar preparada para escoitala plenamente. Un ensaio é a provocación do mundo, non plasmar o mundo que tes. Ter ese mundo na cabeza e trasladalo é simplemente un acto de salvación do ego.
O mundo está para ser percorrido miles de veces, e cada unha dunha forma distinta. Só podes estar preparado, esa é a lección da vida. Nacemos e aprendemos todo o que nos pode axudar a sobrevivir. Aprendemos as ferramentas pero non sabemos o que teremos que construír. Só hai que ver o que estás vendo sempre por primeira vez coma se o que está sucedendo non fose o coñecido. Abandonarnos ao que vemos sendo capaces de detectar o que xa non é. É paradoxal o noso oficio. Un actor novo a diferenza doutro que “xa ten kilómetros de aplausos” sempre está véndoo todo por primeira vez pero fáltanlle os recursos expresivos para poder manifestalo. O outro, que xa ten eses recursos, sempre é a súa ferramenta, non as utiliza como bo viaxeiro, simplemente aplica esas ferramentas para ser calquera cousa. Sempre está por riba do que sucede. O bo viaxeiro sabe que esas ferramentas serán utilizadas cando as necesite pero sabe que o seu bo ollo, o seu instinto e a súa vertixe ante o descoñecido será o que lle poña en alerta ante cada novo territorio que percorra. O director tamén.
Saber é aprender a non coñecer.