ACCESOS

A

É evidente que un atleta necesita o adestramento continuo para o seu desenvolvemento continuo, máis a gran diferenza entre o atleta, deportista e a actriz é o feito mesmo do xogo. Un futbolista pode adestrar constantemente as situación específicas do seu xogo: faltas, penaltis, paredes, contraataques, defensa, disparos… pero todas as situacións para un actor son diferentes en cada obra, en cada escena, en cada escenificación. A mesma base do teatro baséase nesa sorte de confrontarse ao arame do invisible en cada posta en escena. Unha boa posta en escena marca as regras específicas do seu xogo en todos os niveis: físicos, espacio/temporais… Sempre igual, sempre distinto.

Se estas regras sempre cambian, se as situacións son sempre diferentes, é posible, polo tanto, adestrar ao actor no seu camiño máis aló de certas técnicas básicas específicas de estilos determinados que xa conteñen ese adestramento: biomecánica, mimo, Lecôq…?

Creemos que si. O necesario é entender a natureza mesma da interpretación, a súa gramática mesma, o seu traballo formativo básico e aqueles lugares de traballo nos que o actor debe elaborar a súa capacidade básica de comprensión desta natureza. Para isto debe acceder a eses niveis de traballo básico, a eses lugares dende o corpo/mente terá que adestrarse constantemente. Son esta sorte de experimentacións constantes os que lle dan ao actor a súa forza de exploración sobre o mesmo sentido da interpretación, sobre acceder a eses lugares básicos de traballos sobre os que ir transformando, avanzando, retrocedendo, entendendo… o sentido máis básico de traballo. A eses lugares permítome chamarlles accesos, xa que dende ese acceder constante aos exercicios, podemos entender o adestramento actoral máis aló das simples repeticións de pautas dos exercicios a cumprimentar. E este é o aspecto máis importante do nosos traballo: a repetición constante deste accesos permite o traballo consciente sobre a natureza interpretativa da actriz.

Cales son eses lugares concretos sobre os que traballar:

  • Espazo/tempo
  • Imaxinación (recreación/transformación/alteración)

Sobre o autor

Xavier Castiñeira

Falar dun mesmo é algo así como pedirlle a un espello que te explique quen es. Mais se tivese que dicir quen son imaxino que son un punto fixo en constante movemento. Mais seguramente non sexa tan importante falar de min como destas INTERFERENCIAS destes pequenos pensamentos que non teñen por finalidade converterse en dogma ou teoría. Son tan só iso, pequenas interferencias que están escritas dende a miña experiencia, persoal e intransferible e que en ningún caso poden converterse en punto de chegada senón de reflexión no intre en que foron escritas.
Esperemos que estas Interferencias sexan simplemente unha convicción que non dure máis que o necesario para impulsar outras novas.

Deixa a túa interferencia

Send this to a friend